6 de dezembro de 2012

POSIBILIDADES



Pedro Linares
oleo

POSIBILIDADES


           I

Abrázame
con tan pouco
Ti podes
montar as pezas todas

É…
que non che gusta o xogo?


            II

Son unha nena caprichosa
para ti,
Ti para min
es un ogro

Inda podemos facer un conto!


Licencia Creative Commons
Raquel Pazos
Vigo, 6 de decembro 2012


26 de outubro de 2012

SEN RETORNO



"CAMIÑO Á SABEDORÍA"
Leonid Afremov
óleo


SEN RETORNO
a todas as mulleres
 que buscan a VIDA


Es azul de metileno, muller de napa
unha sombra proxectada na delongada viaxe.

-Todo o que ti fagas, está ben, meu amor
O xeito que tes de estender a roupa limpa
consecuente e comedido
Eu son camiño incerto
Ti apagas as luces todas
mentres eu supero os charcos
sen rumbo fixo
e acho formas prodixiosas no chan
onde pousar,  aínda que sexa coas punteiras.

-Todo o que ti fagas está ben, meu amor
Cando pechas con chave a porta
Eu tiro as mans fóra
entre as reixas da xanela
busco a luz, levanto pontes
cun pé en cada rocha.

E penso na muller de pel de napa
nos sucos do azul de metileno da infancia
en apurar o charco,  en abrir todas as portas

e que na prodixiosa forma dunha fonda cicatriz
ocúltase  proxectada a sombra desta viaxe
sen retorno.


Raquel Pazos Garrido
Vigo, 26 de outubro de 2012
Licencia de Creative Commons

9 de outubro de 2012

SOÑEI



O pasado sábado 6 de outubro foi a presentación do TRISQUEL ART no café El Golem, en Vigo onde aínda permanece a exposición fotográfica dos compañeiros Rosa Martínez, Jose Goris e Cruz Martínez que tiveron a ben convidarme para os acompañar e participar no recital poético aberto no que puxen voz a algún dos poemas de Aria para dúas voces, entre eles,


Soñei



Hoxe soñei que te encontraba
contigo falei por fin, o tempo pasa
charlamos de detalles do pasado
ti mirábasme
rimos un pouco das cousas
as túas mans nas miñas
eu soñaba
percorrer o teu corpo novamente
-o sitio aquel-  acórdaste?
onde farías perdurables as túas ideas
aínda está baleiro, non hai nada alí
aínda podes…
levantarme os muros suavemente cos teus labios
limparme as feridas, derrubar os imposibles
aínda podes
espertarme cun beixo.

Raquel Pazos


23 de agosto de 2012

ESTRAÑA SENSACIÓN



LYDIA GORDILLO
óleo sobre lenzo


ESTRAÑA SENSACIÓN



Bebo,

Ti mírasme,
na copa sorteamos sentimentos remexidos
Eu vexo
un cóndor pasar polos teus ollos iluminados
coa sorte
de quen procura aquilo que non ten

Mentres, eu
Béboche
coa estraña sensación
de quen busca aquilo que non existe



Raquel PazosSafe Creative #1208232162919
Vigo, 23 de agosto de 2012


17 de agosto de 2012

POESÍA, REALIDADE





“A poesía non é literatura. A literatura é unha creación humana grandiosa, pero a literatura é ficción e a poesía é realidade.

A literatura narra, describe, explica ou representa, e todo iso o fai dentro da ficción. A poesía non é ficción senón parte da vida, da nosa propia vida.

En poesía, con frecuencia trátase do noso sufrimento e do noso pracer, da nosa causa existencial.

Pola poesía convertemos o noso sufrimento en pracer. A poesía é unha realidade e unha conduta, e non é, necesariamente, unha representación, un ornamento ou unha actividade informativa.


ANTONIO GAMONEDA, Poesía en la residencia





10 de agosto de 2012

É SUFICIENTE





É suficiente


Gústanme as miñas mans
o delicado contorno das unllas
que nunca superan as xemas
así vou polo mundo
toco o que ignoro


pois para resgar a pel
co fel da túa mirada
é suficiente



Raquel Pazos
Vigo, 10 de agosto de 2012Safe Creative #1208102101536


12 de julho de 2012

O MALABARISTA



LEONARDO HERRERA
Dáme un punto de apoio e moverei o mundo.
Óleo sobre tea.



O  MALABARISTA




El ponse cada tarde no semáforo cos seus paus de malabarista e fai o seu papel unha e outra vez diante dos coches a intervalos dun minuto e mil sorrisos.

-Pobre tolo !  Virá pedir…

Vai moita calor e con resignación subimos os cristais. É difícil para moitos asumir este xeito de gañar a vida,  hai  maneiras máis  normais de vivir sen arriscar.

O tempo da función chega á súa fin; o semáforo ponse verde pero o tipo non pasa a gorra, entón é cando sorrimos os da vida asegurada. Damos gas e baixamos os vidros.

-Vaia calor !

Non somos mala xente, tan só temos todo escrito e nada sobre o papel.


Raquel Pazos
Madrid, 2 de xullo de 2012


8 de junho de 2012

PAXAROS NA CABEZA





PAXAROS NA CABEZA


Confeso que teño medo e asústame
deixar aberta a ventá
pois non é a primeira vez
que algún paxaro atrevido
pasa do peitoril para dentro
confuso talvez con esta claridade interna
achou a luz onde  bater as ás
tropeza coas paredes e busca unha saída que eu,
non son quen de propiciar


Raquel PazosSafe Creative #1206081777780


6 de maio de 2012

o amor non existe




O amor non existe


O amor non existe segundo  as  matemáticas
non existe o amor sen o quérote doce
ese quérote que sube sen voz polo peito
e quéimame os pulmóns
ascende por min co seu  facho nas mans
e síntome indefensa
paralízame as cordas vocais
que non son quen de pronunciar,
ata que chega ao vértice dos labios
e convértese en desexo.

Somos víctimas do azar e da intemperie
o amor por si só é unha palabra ridícula e fea
o amor non existe


Raquel PazosSafe Creative #1205061596908
 Vigo, 6 de maio de 2012


1 de abril de 2012






Recorda que unha tarde de domingo de fai tempo
me dixeches
que esa noite escribirías un poema
-xa eras quen de acoutarme espazo e tempo
e deume medo
percorrín todos os andares, perdínme por estreitos corredores
-agora sei que hai anos subo e baixo polos versos dun poema
que nunca existiu.


Raquel PazosSafe Creative #1204011401873
26 de marzo 

24 de março de 2012

CÓMPLICES




CÓMPLICES


Somos
ese momento intenso
de fugacidade compartida

Vimos do mesmo  azar,
sopro que nos fendeu
e pese a todo non,
non somos vulnerables
Se  toca a rentes do chan
sabémonos manter
quedas no aire

Contigo xunto a min
sinto a ledicia
de pompas a estalar

Contigo xunto a min
sería como nacer de novo

Non, non demores máis,
chámame pronto.

Raquel Pazos GarridoSafe Creative #1203241366686
Vigo, 24 marzo 

24 de fevereiro de 2012

Mustang con cepo


París, febreiro 2012 



Xa de volta,
afeita a andar todo o día pola rúa
afeita á palabra silenciada
á dor muda
á nena resignada na esquina
entre Clignancourt e Porte d’Orléans
cun canciño no colo e a vista perdida
agardando  esmola
dos que van a máis de trinta.

Inermes
de volta de todo,
o mundo xira…
inda que non se comprenda
que misterio terá?
afeitos como estamos
un  Mustang con cepo na beira da vía.


Raquel Pazos Garrido Safe Creative #1202241188809 
Febreiro 2012



11 de janeiro de 2012

HAI COUSAS QUE NON CAMBIAN



HAI  COUSAS  QUE  NON  CAMBIAN


Mellor estar calado
e o que calo está adherido
é unha mancha na pel

¡Vai lixeiriña mollar os pés
sobre os cantos do río!

E o que calo pasa inadvertido
por constante, como a auga.

Artificialmente
na fonte que está no medio da praza
a auga vai e ven
e ven e vai, sempre
a mesma auga
e todos caladiños
fixemos un mundo de papel

Tamén  as agullas do reloxo
non paran de se mover
e pasa o tempo así, detido.

En termos económicos
¡calemos pois!
¡pechade a billa!
que polo vertedoiro corre tanta auga desa,
desa que non volve.



Raquel Pazos GarridoSafe Creative #1201110899501 
Vigo, 11 de Xaneiro de 2012