26 de outubro de 2012

SEN RETORNO



"CAMIÑO Á SABEDORÍA"
Leonid Afremov
óleo


SEN RETORNO
a todas as mulleres
 que buscan a VIDA


Es azul de metileno, muller de napa
unha sombra proxectada na delongada viaxe.

-Todo o que ti fagas, está ben, meu amor
O xeito que tes de estender a roupa limpa
consecuente e comedido
Eu son camiño incerto
Ti apagas as luces todas
mentres eu supero os charcos
sen rumbo fixo
e acho formas prodixiosas no chan
onde pousar,  aínda que sexa coas punteiras.

-Todo o que ti fagas está ben, meu amor
Cando pechas con chave a porta
Eu tiro as mans fóra
entre as reixas da xanela
busco a luz, levanto pontes
cun pé en cada rocha.

E penso na muller de pel de napa
nos sucos do azul de metileno da infancia
en apurar o charco,  en abrir todas as portas

e que na prodixiosa forma dunha fonda cicatriz
ocúltase  proxectada a sombra desta viaxe
sen retorno.


Raquel Pazos Garrido
Vigo, 26 de outubro de 2012
Licencia de Creative Commons

Sem comentários:

Enviar um comentário