19 de outubro de 2017


As portas están abertas á vontade.
Na casa non temos pechaduras.
Aprendín primeiro a sumar,
a multiplicar ensinoume Pachuca
nunca lle estarei de todo agradecida. 
A dividir e restar, foi a vida.
Mais a porta segue aberta
para que entres sen facer ruído
ou para que saias por pés.
Escápanseme os labios da boca,
van tras de ti, sumando desexos
multiplicando ledicias.

Raquel Pazos Garrido
@auganoslabios

14 de outubro de 2017


Tes esa pose de flor
a sutil picardía das nenas consentidas,
A elegancia das damas
Tes o tacto da pel do pétalo
desa suavidade que produce calafrío.
Tes o sorriso ensaiado de programas de televisión.

Pero non me enganas.

Hai noites de calor
nas que tes frío.

Raquel Pazos Garrido

@auganoslabios