26 de setembro de 2014

E CON TODO





E CON TODO


Aínda que esvaia con témperas
a toda cor, as crebas da tempestade
e chante nos días
máis de mil sorrisos
pola claridade que expanden os teus ollos

Aínda que vista con luvas de néboa as mans
que ansían…
e acepte vilmente
que a memoria me engane

Aínda que tire da sedela como unha rincha
a piques de fenecer
ávida de fame, con toda a miña forza
e suba á superficie contra toda tempestade
mil veces enganchada a este cálido anzol
totalmente desgarrador,
disque os peixes teñen escasa memoria

Aínda así, e con todo, son feliz


Cangas do Morrazo, 26 setembro
Licencia de Creative Commons

18 de setembro de 2014

PLANICIE



"Planicie"
GEORGES BRAQUE



Pon todas as distancias xuntas,
unha detrás da outra
Así a desesperación será maior,
inmensa, irredutíbel.
Así o lóxico sería non te botar de menos
non estrañar a túa alegría perenne
O mundo sería entón unha enorme extensión,
uniforme, monótona, a terra chá,
unha clara e absoluta planicie
onde sería impensábel
que unha folla, tan só unha única folla
batese contra o cristal



Raquel Pazos
Cangas do Morrazo, 17 setembro
Licencia de Creative Commons

14 de setembro de 2014

ANIVERSARIO




JOSÉ GORIS CUINHA -Imaxe

ANIVERSARIO
a José Goris

No día de onte celebramos o 50 aniversario
Enarboramos noites de pracer imaxinarias
queimamos as bandeiras
daquela patria imposta
a simboloxía foi causa de escarnio e maldicir
por un comezo máis afortunado
na segunda metade da vida
partimos o pan e partillamos o viño
sentímonos deuses e raíñas, donas de seu,
e así imos mantermos en pé
na estadía do noso soño sulagado
que arrebatador flúe polas veas
e nin unha gota, nin unha soa gota
deixaremos perder
por máis que manque e pese sobre nós
a eminente crucifixión.

Raquel Pazos
12 setembro 2014
Cangas do Morrazo
Licencia de Creative Commons
  

10 de setembro de 2014

MEMORIA


"Hombre con cabeza llena de nubes"
SALVADOR DALÍ

MEMORIA

Elévasme
por un universo azul
Elévasme
a un tempo indefinido
Elévasme
maxicamente
Dásme ás
Perséguesme
coa querenza dunha puta triste
á que alguén un día deu
un pouco de amor


Raquel Pazos
Cangas do Morrazo, setembro
Licencia de Creative Commons

5 de setembro de 2014

MAR CALADO





No silencio
enredada nas silveiras
meto o dedo na ferida
e a dor baixo dunha pedra
no fondo do mar



Cangas do Morrazo, 4 setembro 2014
Licencia de Creative Commons