19 de abril de 2016

ECUADOR


O imPacífico mar fixo tremer
as túas veloces ás de colorido plumaxe
en retroceso
Manta, Portoviejo, Pedernales, Esmeraldas
sobrevivir coa astucia dun colibrí
suspendido no aire
a mil douscentos latexos por minuto.



Licencia de Creative Commons

10 de abril de 2016

DESPOIS DE TODO

MI COCODRILO ES POETA Y VIVE EN MIS SUEÑOS COMO LAS COMETAS
 Acrílico y óleo sobre tabla
 CAROLINA CUADRILLERO.


DESPOIS DE TODO


Os teus pasos eran breves e seguros
eu apuraba como un papaventos
tras de ti
tras os teus pasos eu vía o futuro asegurado
xunto a ti, a independencia era só
unha palabra sen sentido
un impensable
totalmente innecesaria
Despois de todo
ao amencer non lle importa o canto dos paxaros
eu era un papaventos colorido e feliz
atado a túa cintura
venerando a túa destreza
maxistralmente dirixido
porque desde o aire nada se fai inalcanzable
Os teus pasos eran breves e seguros
ata que entraches na casa
e pechaches a porta

Despois de todo quedei fóra
e fun abandonada
como un papaventos á intemperie
e cada tempestade amosa unha ensinanza
e toda bonanza achega unha experiencia.

Licencia de Creative Commons

4 de abril de 2016

ANTES DE NADA

ISTVAN SANDORFI

ANTES DE NADA
a Enzo

Fagamos un silencio lacrado dos nosos labios
a base de colofonia, goma laca e trementina
unha canle pola que percorrernos sen estupor
un suco onde a indiferenza non nos condene
Fagamos do desexo un rumor imperceptible
Fagamos un traxe a medida
co que non nos recoñezan
empecemos polo que nunca foi escrito

Fagamos o amor
e esquezamos as gretas no teito.

Licencia de Creative Commons


1 de abril de 2016

UN CUARTO PARA DOUS

François-Édouard Picot

UN CUARTO PARA DOUS

Ela quería estar presente no seu universo
ser alguén importante
unha tatuaxe na súa pel
participar dos seus soños
compartir a ilusión
e manter un espazo común,
algo máis que un fío de auga
na estiaxe da memoria
un cuarto para dous
alguén a quen contarlle o ruído
que fai a chuvia
ao bater no cristal

Non sei se isto é amor
un desatino cruel do alado cupido
non o sei
pero non foi posible

O certo é que a el moléstalle a súa presenza
baixo as sabas apenas se respira
xa non lle alcanza o aire
mais decide agardar en silencio
a que se afaste ese mosquito impertinente
que é o que para el é

unha imposición forzosa
unha leve irritación.

Licencia de Creative Commons