26 de dezembro de 2010

Mirando xogar a un neno - de RODÓ

Motivos de Proteo

(Parábolas)


José Enrique Rodó

Mirando xogar a un neno




…A menudo se oculta un sentido sublime en un juego de niño.
(SCHILLER. Thecla. Voz de un espíritu).


Xogaba o neno, no xardín da casa, cunha copa de cristal que, no límpido ambiente da tarde, un raio de sol tornasolaba como un prisma. Manténdoa,  non moi firme, nunha man, traía na outra un xunco co que golpeaba acompasadamente na copa.

 Logo de cada toque, inclinando a graciosa cabeza, quedaba atento, mentres as ondas sonoras, como nadas de vibrante canto de paxaro, se desprendían do ferido cristal e agonizaban suavemente no aire. 

Prolongou así a súa improvisada música, ata que, nun arranque de volubilidade, cambiou o motivo do seu xogo: inclinouse á terra, recolleu no oco  das mans a area limpa do carreiro, e foina vertendo na copa ata enchela. Terminada esta obra, alisou, con primor, a area desigual dos bordes.

 Non pasou moito tempo sen que quixera volver arrancar do cristal, a súa fresca resonancia; pero o cristal, enmudecido, como se houbera emigrado a alma do seu diáfano seo, non respondía máis que cun ruido de seca percusión ao golpe do xunco. 

O artista tivo un xesto de enoxo para o fracaso da súa lira. Houbo de verter unha lágrima, mais deixouna en suspenso. Mirou, como indeciso, ao seu redor, seus ollos húmidos detivéronse nunha flor moi branca e pomposa, que na beira dun valado veciño, mecéndose na rama que máis se adiantaba, semellaba escapar da compaña das follas, na espera dunha man atrevida. 

O neno dirixiuse sorrindo á flor, pugnou por alcanzala e aprisionándoa, coa complicidade do vento que fixo por un instante abater a rama, fíxoa súa e colocouna graciosamente na copa de cristal, asegurándolle o talo na mesma area que sofocara a alma musical da copa. Fachendoso do seu desquite, levantou, todo o que poido, a flor entronizada, e paseouna, coma un triunfo, por entre a multitude das flores.


Traducido por Raquel Pazos

Sem comentários:

Enviar um comentário