25 de outubro de 2013

ABRÁZAME



“El abrazo”
ANDREA HUICI

a quen ben quero


Abrázame
Abrázame
Son un paxariño coas ás rotas
e levo no peito
unha verdade encollida
que arde en silencio
o único que importa
ela é, unha nena que treme con medo
na esquina do cuarto
agochada
espera os teus brazos
que a veñan salvar



Licencia de Creative Commons
Raquel Pazos
Vigo, 25 outubro 2013

17 de outubro de 2013

DESEXO


Karol Bac

DESEXO

Suplíchesme
por unhas cantas palabras lindas
pola lira de Orfeo

Sopráchesme
como a un pelo caído
na folla dun libro,
que sempre estorba

mais ti non te poñas triste
ben sei que a vida sucede
soamente unha vez

serei benvida no balde dos despoxos
rota na derrota
mais non importa

que sexas feliz

Raquel Pazos
17 outubro 2013
Licencia de Creative Commons

Preme ligazón:

9 de outubro de 2013

NUNCA FOI FÁCIL





NUNCA FOI FÁCIL


Cando todo pase
a marfallada deixe de ser
un caos incomprensíbel
os zapatos estean colocados
un após do outro
os panos brancos limpos
convencionalmente organizada
pois algún día isto ha de suceder!

Mirareite, e ti
nin ollarás para min
amar así nunca foi fácil
porque a orde e a razón
son zapatos de distinto pé
e un mesmo número
e o amor é o fugaz desequilibrio
esa pedra preciosa no camiño
na que ouso tropezar
descalza


Licencia de Creative Commons
Raquel Pazos
09 de Outubro de 2013