30 de agosto de 2014

COMEZO E FIN DE TEMPORADA




COMEZO E FIN DE TEMPORADA

Adeus dixen á illa
á grata sorpresa
das súas pendentes escarpadas
á profundidade máis íntima
que me acolleu, crepitante
suave e salvaxe a un tempo.
Adeus dixen á illa,
á que me desgarrou a punta de navalla
á que sempre hei de volver
calor, calor, calor e doce
plátano frito quente, veludo azul
na memoria, e pube
que me eleva á cordilleira
fronteira desexada
na que a vontade esvaro,
illa que me cerca.


Cangas do Morrazo, agosto 2014
Licencia de Creative Commons

28 de agosto de 2014

HISTORIA DE AMOR




HISTORIA DE AMOR

Vigo, un total de case
trescentos mil habitantes
segundo as últimas estatísticas.
O amor é unha gota de aceite
nun vaso de auga.
Escasa, moi escasa a posibilidade
de podermos coincidir.
As luces da cidade reflicten
as teclas consagradas
dun piano sobre o mar
nelas entretéñome
son puro espellismo,
pompa de xabón.
Serache doado esquecer
que existo.
O ronsel que deixas, logo de amarte
dáme para vivir
mantenme a flote
Happy day for you
os meus mellores desexos
que sexas feliz, mon amour

Cangas, agosto 2014
Licencia de Creative Commons