31 de outubro de 2010

A ESCRITA (a de hoxe, deixou fondos vestixios na pota, agasallo da miña nai.)


“A invención da escrita naceu da necesidade práctica de rexistrar as contas. Os primeiros rastros de sumerio escrito datan do ano 3100 a.C. e son marcas en pequenas táboas de arxila.”





Non resulta estraño na miña casa, ver como intempestivamente vou de aquí para alá, facendo anotacións nun  pequeno bloc de notas, follas soltas.

Imaxino que os meus xa están acostumados, a ver ese ir e vir ás atoladas, aínda que sexa no medio da ducha ou no medio do guiso, xusto no punto crítico da fritura, cando de estar ben feito convértese en torrado (se hai sorte!)

Ben sei, que é difícil convivir nestas circunstancias,  mais...
 
¡ Xurde a Idea !

e é totalmente indispensable ir tras dela, senón escápaseme,  iráse, e deixará un malestar, ese mesmo que cando imos baixando os chanzos, segundos antes de tropezar, pensamos: "pousa ben o pé que aínda vas cair", e alá vai !, directos ao chan. 

En verdade que corro,  se non vou tras dela,  desa idea, seica perdo algo que ao mellor non podo recuperar.

E sei que non é efémero, ben sei, que isto que xurde así,  vense cocendo, non sei se dos miolos ao estómago, ou viceversa, pasando sempre polo incondicional pasadizo secreto do corazón;  pero corro,  e se non me da tempo a abrir o word que teño no escritorio preparado para estes fins, meu vómito caerá no pequeno bloc de notas, onde día a día, teño  a profunda necesidade quen sabe… se de render contas  e facer inventario da pasaxe da miña vida, tal os sumerios.  



Sem comentários:

Enviar um comentário