28 de abril de 2013

UN PASO ADIANTE



"Con el alma al aire"
ALEXIS GARCÍA
óleo



UN PASO ADIANTE



Somos corpos de materia tanxíbel
queiramos ou non
ocupamos un espazo no aire
e isto, tédeo en conta, non é decisión nosa
Afastamos por defecto
con cada movemento
moléculas en suspensión que nos rodean
e así é, como mantemos distancias


Somos corpos de materia tanxíbel
e tendencias algo maniáticas
mentres ti arrombas cada anoitecer
os panos brancos
eu aliso a cada paso
os flocos das alfombras
e  o que realmente somos
fica no aire en suspensión como as pompas


A nosa distancia corporal
está tamén proporcionalmente calculada
de tal xeito, que se ti deses un paso adiante
a indecisión nestes casos sería imperdoábel
eu, só podería facer dúas cousas
retroceder, dando exactamente,  ese mesmo paso cara atrás
ou decididamente, vencer distancias
e abrazarme a ti



Raquel Pazos
Vigo, 23 de abril de 2013
Licencia de Creative Commons


Sem comentários:

Enviar um comentário