28 de fevereiro de 2011

O pouso máis a pegada




Segundo o diccionario da Real Academia Galega, a palabra VIDA,  ten unha ducia de acepcións, malia hoxe quero afondar naquela definición que fai relación ao conxunto dos acontecementos máis importantes que lle suceden a unha persoa no curso da súa existencia.

Curiosamente, eses acontecementos que salientamos ao longo da nosa vida, forman a  miúdo unha listaxe de datas: nacemento, comunión, casamento,  para algúns (xa entradiños en anos),  esas tan rememoradas  da desafortunada“ mili ”  e un longo etc; que a fin de contas forman o noso pasado insubstancial, nada que ver, poño por caso  por común, coa emoción dun primeiro amor, a impresión abraiante dun atardecer, o que van deixando en nós  o pouso das pequenas cousas do día a día.

Hai quen afirma que a cada libro que lemos, vivimos  unha vida máis, ensanchamos a nosa imaxinación, adquirimos coñecemento do mundo, acadamos experiencias, sensacións, sentimentos, que encamiñan o xeito de vivir e afrontar a nosa existencia. 

Teño por costume  ao ler, tomar notas daquilo que especialmente me interesa do libro, en follas soltas, que deixo no seu interior; anotacións escritas no primeiro anaco de papel que teña a man, aínda que sexa  de propaganda. 

Hoxe pescudando polo andel,  nun libro que lin no ano 2000, topei amais das anotacións, a corrección da corrección da corrección,  do que podería ser un  poema e ¡algo inusual! unha fotocopia do que daquela eran, a palma das mans dos meus fillos.

Ao cabo, sen querer,  imos  configurando a  vida, entre o coñecemento e a nosa achega, entre o pouso máis a pegada. 





Raquel Pazos Garrido

2 comentários:

  1. A vida é un don de infinito valor
    o feito de estar vivo, de existir
    debería estar sempre presente en nós.

    ResponderEliminar
  2. Grazas, Ana, en verdade que levas toda a razón.

    ResponderEliminar