ASÍ AS COUSAS
A vila foi medrando programadamente segundo os intereses dun único gobernante vil, como non podía ser doutro xeito, que prometeu na campaña electoral, preto das eleccíóns, vivendas a un prezo módico coa particularidade especial de levalas a cabo na zona da vila que auguraba o maior futuro turístico.
Así foi como Nabeira viu a luz, cunha estrutura circular plenamente plasmada nos planos do arquitecto mellor valorado polo equipo de goberno, e nos que con claridade se diferenciaban as zonas de vivendas sociais, de bloque pintado a unha soa cor, doutras que gozaban amais das vistas cara a beira do mar, dunha construción mellor acabada, con deseño de vangarda e iso si, todas elas, as indixentes e as fastosas, con non máis dunha ducia de andares de altura.
Esta rigorosa estrutura circular, xiraba a rentes dunha grande extensión central de grava, onde ben definida a fonte e os bancos, a diversión de pequenos e maiores estaba asegurada.
Unha única rotonda gobernaba o tráfico e permitía os cambios de dirección, e forzosamente a entrada e saída de Nabeira pasaba por bordeala.
Ao principio a terra revolta, terróns escuros dispersos pola superficie , ao criterio do legón do funcionario de turno, encargado de adecentar, o que no futuro sería o celme da decoración, punto culminante de atención e obxecto de inauguración, foi ao cabo dos días mudando, distinguíndose no centro, un pequeno montículo que ía apuntando coma se a terra estivera preñada e a punto. . . ata que agromou, ninguén sabe como nin porqué, a man pechada.
O certo é que ninguén entende no vecindario, se a man pechada que brotou entre os terróns, é a man dun xigante recén que apreta o puño pola dor, coa carraxe de non ter biberón, ou se é o símbolo de victoria que lle naceu a Nabeira porque o equipo local de fútbol finalmente logrou pasar á primeira división. Quen sabe?
Sem comentários:
Enviar um comentário