19 de outubro de 2017


As portas están abertas á vontade.
Na casa non temos pechaduras.
Aprendín primeiro a sumar,
a multiplicar ensinoume Pachuca
nunca lle estarei de todo agradecida. 
A dividir e restar, foi a vida.
Mais a porta segue aberta
para que entres sen facer ruído
ou para que saias por pés.
Escápanseme os labios da boca,
van tras de ti, sumando desexos
multiplicando ledicias.

Raquel Pazos Garrido
@auganoslabios

14 de outubro de 2017


Tes esa pose de flor
a sutil picardía das nenas consentidas,
A elegancia das damas
Tes o tacto da pel do pétalo
desa suavidade que produce calafrío.
Tes o sorriso ensaiado de programas de televisión.

Pero non me enganas.

Hai noites de calor
nas que tes frío.

Raquel Pazos Garrido

@auganoslabios


10 de maio de 2017

Cronopio


*Os CRONOPIOS son personaxes dunha serie de contos do escritor arxentino Julio Cortázar. "Un cronopio é un debuxo fóra da marxe, un poema sen rimas.

Cortázar evita dar unha descrición física precisa dos cronopios e refírese a eles só como "seres verdes e húmidos". En xeral, os cronopios son presentados como criaturas inxenuas, idealistas, desordenadas, sensibles e pouco convencionais.

8 de maio de 2017

Unhas letras

Quen me compra unhas letras
Sen débitos e a longo prazo
Para degustalas ou desfacelas
A gusto do consumidor
Ou simplemente estrelarse a alma
Estreitar lazos,
Iniciar complicidades,
Acougar a sede,
Ou coserse as ás rotas
E botar a voar


3 de maio de 2017

Pensei que viñas para quedar
Que me ensinabas este novo xogo
de como gañar máis sorrisos
para xogalo comigo toda a vida
Pero non

Eu armei un espazo amplo
para que entrases con todas as túas pertenzas
con toda a túa luz
con todas as túas cicatrices
un espazo único
pero apenas se abriches o armario
e todo foi en ti indiferenza,
estreiteza, vileza, escuridade

Resultan inútiles as nosas palabras
mirándonos aos ollos sen pestanexar
caídas sen motivación
sen tan sequera un triste aleteo
Cando o silencio nos vence
en calquera encontro casual
farémoslle a honra
por cosernos os labios
Pensei que viñas para quedar
Pero non
Neste silencio non hai ruído